Friday 03 de May de 2024

A Banda Municipal de Música volve ao Teatro Colón nun concerto en homenaxe á figura da muller e con Celia Torá como directora convidada


Torá será a segunda muller en levar a batuta da BMMC na historia da formación. A primeira foi a valenciana Pilar Vañó, hai xa 19 anos

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) regresa este domingo ao Teatro Colón cun concerto moi especial, ‘En clave de igualdad’, que homenaxeará e porá en valor á figura da muller coa proximidade dunha data moi sinalada: o 8-M, Día Internacional da Muller.

A protagonista do espectáculo será a murciana Celia Torá, que será a directora convidada e recollerá o testemuño da valenciana Pilar Vañó, primeira muller en dirixir a Banda Municipal de Música da Coruña na historia da agrupación, no ano 2003. Torá, oriúnda de Abanilla (Murcia) iniciou os seus estudos de fagot con só 9 anos na escola de música de Santísima Cruz e posteriormente ingresa no Conservatorio Profesional de Murcia co mestre Vicente Navarro. No ano 2012 deu continuidade aos seus estudos superiores no Conservatorio Superior de Música Manuel Massotti Littel.

“O concerto vai dedicado á muller, con obras escritas por compositoras ou para compositoras. Por exemplo, ‘Luisa Font’, escrita pola súa sobriña, Andrea Picó Font; ‘Poeme du feu’, escrito por la compositora francesa Ida Gotkovsky; outra obra escrita pola valenciana Amparo Esó sobre ‘Cleopatra’; e outra peza dedicada á muller, ‘Cançons de mare’, escrita por Rafael Talens. É a única obra do programa deste domingo escrita por un compositor. O concerto leva o nome de ‘En clave de igualdad’ porque normalmente non é común ver a unha muller directora na tarima á fronte dunha banda”, sinala Torá.

A sesión, que comezará ás 12.30 horas, será de acceso libre, con entrada de balde ata completar a capacidade.

Ademais, xa hai data oficial para o vindeiro concerto da Banda Municipal de Música da Coruña no Teatro Colón. Será o xoves 24 de marzo (20.30 horas), con Juan Lois Diéguez como director convidado.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio o uso de máscaras para os asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as personas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.